ACERVO RAPA

Rapa das bestas

Texto: Federico Pérez

Fotografias: Marcos Pereiro

Onde nace a beleza? A beleza nace na néboa, deslízase entre ela coma un cabalo ao galope. A beleza é néboa. A néboa é beleza. Espíritos que habitan na noite, almas errantes diluídas na propia néboa ata se mesturar con ela. Ata confundirse. Os cabalos son a néboa que baixa do monte para seducir as persoas, para namorar os homes e mulleres. Non é unha loita entre a besta e o humano. É un baile. Unha perfecta coreografía onde o salvaxe se pon ao servizo do home, versos libres na férrea métrica dun poema. A néboa é a melodía. Pasos que se entrelazan na area, pista de baile improvisada para bailaríns sen medo a voar. Fusión de corpos, de suor, de vida. Cal é o animal? Cal a besta? Que máis ten? Todo forma parte do espectáculo, unha posta en escena de forzas que non se precisan para nada e, ao tempo, carecen de sentido unha sen a outra.

 

Coma no salvaxe oeste, non hai regras. Todo se dilúe na néboa ao rematar. Novamente a néboa, que o envolve todo. Todo é néboa, pó, partículas de todo… e de nada.

Os cabalos volven á néboa porque nela está a súa esencia: a liberdade. O poema remata, a rima desfaise, a canción chega ao seu fin, o baile conclúe e as nosas cincentas volven á súa rutina.

 

A néboa.

 

A beleza.

Facebook
Twitter
Telegram
WhatsApp
ups! perdoa, se quixeras algunha imaxe, ponte en contacto conmigo a través de email